Publicacións

Colección Textos e Estudos

Baixo a dirección dos profesores Pere Ferré da Ponte e María Jesús Botana Vilar, o Centro de Estudos Galegos da Universidade do Algarve inaugurou, no ano 2017, a Colección Textos e Estudos.

Destinada a divulgar, tanto en Portugal como no estranxeiro, temas e obras fundamentais da cultura galega, o obxectivo principal desta colección é reforzar a presenza cultural de Galiza tanto entre os académicos como entre o público xeral. Deste modo, estas obras e as vindeiras tentarán complementar áreas como a literatura, a historia, as artes visuais, o pensamento… nunha palabra, todo canto poida revelar, a través de textos do pasado ou do presente, a cultura de Galiza.

O equipo actual está composto por:

Na actualidade acolle seis volumes monográficos:

O Romanceiro tradicional de Galicia, de Ana Valenciano

O primeiro dos volume da colección está dedicado a un xénero tradicional aínda presente na memoria colectiva do pobo galego: o Romanceiro.

Para esta abordaxe do Romanceiro cantado en Galiza procurouse a contribución da súa mellor especialista, a profesora Ana Valenciano, quen dedicou boa parte da súa vida aos estudos deste xénero tradicional e, de forma particular, ás súas manifestacións en terras galegas. O libro que aquí nos ofrece é unha versión renovada e sintética da súa visión do Romanceiro tradicional de Galiza.

Autora: Ana Valenciano
Ano: 2017
ISBN: 978-989-8859-48-8
DOI: 10.34623/k222-hb41
Descargar


O léxico do sufrimento nas Cantigas de Santa María. Campos sémicos e campos léxicos, de Mª Jesús Botana Vilar

Este segundo volume, da autoría da profesora María Jesús Botana Vilar, está dedicado aos campos léxicos e sémicos do sofremento nas Cantigas de Santa María.

Partindo dunha abordaxe filolóxica-literaria, e multidisciplinar, e da idea da existencia dun léxico amoroso na lírica medieval de ámbito románico, a profesora Botana Vilar analiza o léxico afectivo na opera magna do Rei Sabio, en particular a súa permeabilización e adaptación nas cantigas de loor, e deita nova luz sobre unha das obras máis relevantes da nosa lírica medieval.

Autora: María Jesús Botana Vilar
Ano: 2018
ISBN: 978-989-8859-87-7
DOI: 10.34623/8w80-y977
Descargar


A escritura que ilumina. O legado epistolar de José Mejuto Bernárdez (Preso antifranquista, 1936-1939), de Xesús Alonso Montero, Olivia Rodríguez González e Ana Paula Mejuto Soba

O terceiro volume da colección ten como protagonista o preso antifranquista José Mejuto Bernárdez, cuxo legado epistolar nos permite saír do silencio colectivo e dignificar a memoria de todo un país.

Ao longo do monográfico, os autores, Alonso Montero, Olivia Rodríguez González e Ana Paula Mejuto Soba, realizan un estudo das 36 cartas que José Mejuto Bernárdez lle escribiu á familia nos primeiros meses da Guerra Civil. Esta obra permítenos achegarnos non só ás vivencias do seu protagonista, senón tamén á realidade dos milleiros de presos republicanos que, coma el, encontraron a morte nos cárceres franquistas.

Autores: Xesús Alonso Montero, Olivia Rodríguez González e Ana Paula Mejuto Soba
Ano: 2020
ISBN: 978-989-9023-04-8
DOI: 10.34623/81tp-gs43
Descargar


Transcendencia e cidadanía. Estudo mitocrítico dos relatos de X.L. Méndez Ferrín, de María Carreira López

Transcendencia e cidadanía. Estudo mitocrítico dos relatos de X. L. Méndez Ferrín, da autoría de María Carreira López, constitúe unha análise dos eixes semánticos profundos que alentan os relatos ferrinianos e que irradian sobre toda a súa obra. Mediante o método mitocrítico, concibido por Gilbert Durand, detéctanse na produción ferriniana varias veas míticas que conflúen en dous filóns ateigados de significado.

Autora: María Carreira López
Edición: María Jesús Botana Vilar e Claudia Mariño Gómez
Ano: 2021
ISBN: 978-989-9023-60-4
DOI: 10.34623/wwcb-7284
Descargar


Apropiación cultural e contradiscurso histórico. A materia artúrica na literatura galega, de María Xexús Lama López

A literatura galega comeza o seu renacer no século XIX nun contexto de reivindicacións nacionalistas que é un eco do movemento que percorre toda Europa dende mediados do século XVIII. Ante a necesidade de xustificar a defensa dunha identidade colectiva diferenciada, imponse o proxecto de recuperar unha historia silenciada e terxiversada dende a cultura hexemónica con intención asimiladora e uniformizadora. Xorde así a través do discurso histórico a postulación da orixe celta do pobo galego, unha idea que funcionará como mythomoteur no que se fundamenta a formación discursiva nacionalitaria e que, dende o eido da ideoloxía, se transfire inmediatamente á creación literaria adquirindo unha dimensión estética fundamental. Este mito ten unha eficacia interna extraordinaria para a formación do imaxinario colectivo galego e para a formación discursiva nacionalista, xa que serve para proporcionar unha etnia de identificación —a dos pobos celtas— e, ao mesmo tempo, unha etnia de exclusión fronte á cal pode afirmarse o novo grupo, pois a Galicia celta érguese fronte ao resto da Península de orixe ibera. Seguindo a análise semiolóxica do mito que propón Barthes nas súas Mythologies, no caso do mito celta o “significante” —a reivindicación da orixe celta de Galicia— preséntase unido de maneira natural ao “concepto” —a nacionalidade galega—. A relación que une o concepto do mito á forma é, basicamente, unha relación de deformación (Barthes, 1957, p. 207) que, neste caso, transmuta a historia en natureza; así pois, o significante parece dar lugar ao significado —a orixe celta xustifica a existencia da nación—, cando en realidade o mecanismo que funciona para crear o mito é o contrario: a necesidade de demostrar a existencia da nación esixe a crenza nun pasado común dende as orixes máis remotas.

Autora: María Xesús Lama López
Edición: María Jesús Botana Vilar e Claudia Mariño Gómez
Ano: 2022 (Vol. I)/2023 (Vol. II)
ISBN: 978-989-9127-14-2 (Vol. I)/978-989-9127-57-9 (Vol. II)
DOI: 10.34623/m8h6-q916 (Vol. I)/10.34623/typg-c747 (Vol. II)
Descargar (Vol. I)/Descargar (Vol. II)


Outras publicacións

Galiza e(m) nós. Estudos para a compreensão do relacionamento cultural galego-português

Baixo a dirección dos profesores Carlos Pazos-Justo, María Jesús Botana Vilar e Gabriel André e froito do traballo conxunto entre os tres Centros de Estudos Galegos radicados en Portugal (Universidade do Minho, Universidade Nova de Lisboa e Universidade do Algarve), no ano 2021 saíu do prelo o volume Galiza e(m) nós. Estudos para a compreensão do relacionamento cultural galego-português.

Trátase dunha colectánea de artigos que xiran derredor das relacións entre Galiza e Portugal, tratadas dende diferentes perspectivas e campos por estudosos do ámbito luso.

Edición: Carlos Pazos-Justo, María Jesús Botana Vilar e Gabriel André
Ano: 2021
ISBN: 978-989-755-686-9
Descargar